Hosting por logo dinahosting.
A mina de Salaño: memoria mineira e valor natural nun recuncho de Brión

O Grupo de Acción Patrimonial realizou recentemente unha saída de campo acompañados por Luciano Pena e Pepe Cambón, veciños de Ons, para visitar un dos vestixios da antiga actividade mineira do concello de Brión. A visita levounos ata a zona de Salaño Grande, no lugar coñecido como Costa da Ameixenda, preto do río Tambre, onde se conservan restos dunha pequena explotación que estivo activa a mediados do século XX.

O valor da visita estivo, sen dúbida, en poder relacionar o que aínda se ve sobre o terreo coa información histórica conservada. Segundo se recolle nun artigo publicado na revista Altamira no ano 2007, a mina de Salaño explotaba un filón de seixo que contiña arsénico e xofre, dous elementos de importante aplicación industrial naquela época. O arsénico, malia o seu carácter tóxico, empregábase en conservantes da madeira, insecticidas, herbicidas e mesmo na pirotecnia. O xofre, pola súa parte, era básico para a obtención do ácido sulfúrico, substancia utilizada, entre outros usos, nas baterías eléctricas e na vulcanización do caucho. O artigo lembra tamén a relevancia destes minerais nun contexto de necesidades industriais e agrícolas, cando practicamente calquera recurso aproveitable podía adquirir valor económico.

A explotación da mina, porén, foi breve. Segundo esa mesma fonte, a actividade desenvolveuse só durante uns seis meses, entre outubro de 1946 e abril de 1947, e nela traballaban diariamente arredor de cinco operarios. Todo indica que non se tratou dunha empresa especialmente rendible, probablemente debido ás dificultades do lugar e á modestia do filón. A explotación facíase manual e artesanalmente, nunha contorna moi costenta e de acceso complicado. O mineral extraíase a man no interior das galerías e, unha vez fóra, había que subilo en caldeiros ata o camiño situado uns vinte metros por enriba da mina. Alí cargábase en carros, e desde ese punto levábase ata unha dorna ou barcaza que navegaba polo Tambre, pois daquela aínda non existía a ponte actual. Unha vez pasado o río, o material continuaba o seu percorrido en camións cara a fundicion, onde se extraerían os minerais agochados na rocha. Este sistema de transporte, complexo e custoso, dá boa mostra das dificultades loxísticas que debía implicar a explotación.

O momento histórico no que esta mina funcionou tamén é especialmente significativo. A súa actividade coincide cos anos da chamada “febre do volframio”, que marcou boa parte da Galicia dos anos corenta. Aínda que a mina de Salaño centrábase no aproveitamento do arsénico e do xofre, o texto da revista sitúaa no mesmo clima de expectativa que rodeou as explotacións mineiras daqueles anos, como as de San Finx, Varilongo ou Monte Neme. Durante a Segunda Guerra Mundial e nos anos inmediatamente posteriores, o volframio converteuse nun mineral estratéxico pola súa utilidade na industria do armamento, acadando prezos moi elevados. Nun contexto de fame, escaseza e dura posguerra, moitas persoas vían nas minas unha posibilidade de obter ingresos rápidos, o que alimentou un ambiente de procura, especulación e aventura arredor dos montes galegos.

Neste contexto sitúase tamén a orixe da mina de Salaño. Segundo recolle o artigo de Altamira, os irmáns Máximo e Chucho Silva Tuñas, veciños de Salaño Grande, coñeceron nas minas de Varilongo a varios buscadores e leváronos a examinar o filón existente na zona. Daquela iniciativa, porén, non saíu unha gran fortuna: dous dos interesados abandonaron axiña e quedou só un home de Celanova vinculado á tentativa de explotación. O propio texto deixa entrever, con certa ironía, que ninguén debeu marchar rico daquela aventura.

Aínda hoxe, malia o paso do tempo e o avance da vexetación, consérvanse restos visibles daquela actividade. Ao chegar ao lugar, despois de baixar uns vinte metros desde un camiño forestal, poden verse dúas galerías superpostas: a inferior, cunha entrada pequena que despois se divide en tres ramais —cun total duns 15 metros de lonxitude—, e a superior, moito máis curta, de apenas uns cinco metros de fondo e de difícil acceso por estar situada no medio da corta feita.

Dentro da mina pódense atopar restos de minerais, que na maior parte das ocasións aparecen mesturados co cuarzo. Tamén hai moitas zonas con óxidos de diferentes cores, sendo o de arsénico de cor branquecina e o de xofre de cor amarelo verdosa.

Como curiosidade, podemos atopar dúas estalactitas de neoformación, que medraron uns cinco centímetros desde que a mina está parada, e unha estalactita lonxitudinal de máis de 40 centímetros.

Estalactitas e oxidos de arsenico e xofre presentes na mina

A xornada permitiunos achegarnos non só á historia mineira da zona, senón tamén ao seu valor natural e paisaxístico actual. Un dos obxectivos era comprobar se nas antigas galerías ou nos seus arredores podía existir presenza de fauna asociada a este tipo de espazos, especialmente morcegos, habituais ás veces en cavidades abandonadas. Nesta ocasión non se localizaron exemplares, únicamente algo de guano que indica un uso esporádico da cavidade, mais a saída deixou igualmente achados de grande interese: puidemos observar varios exemplares de caracol de Quimper, especie recollida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como En Perigo de Extinción, así como unha ra galega, recollida como Vulnerable, o que confirma o interese ambiental do lugar. Ademais, recollemos algunhas pequenas mostras de mineral e escoitamos as explicacións de Luciano e Cambón sobre a historia do monte e os seus aproveitamentos tradicionais.

Fauna catalogada no interior da mina.

A nosa visita permitiu, precisamente, enlazar esa memoria histórica coa realidade presente do lugar. O que outrora foi un espazo de traballo duro e expectativa económica é hoxe un enclave onde conviven os vestixios da minería cun medio natural de notable interese. As galerías, os desniveis do terreo, os restos do vello acceso e a toponimia local falan dun pasado que non debería caer no esquecemento. Ao mesmo tempo, a presenza de especies sensibles ou pouco frecuentes recorda que estes espazos, ademais de seren patrimonio histórico, son tamén refuxio de biodiversidade.

Saídas coma esta axudan a comprender mellor o territorio: non só como un escenario físico, senón como un lugar onde se cruzan a historia económica, a memoria veciñal, os usos tradicionais do monte e os valores naturais do presente. A mina de Salaño, pequena e efémera, é tamén unha peza máis da historia social de Brión e unha testemuña da maneira en que as comunidades rurais viviron e interpretaron os recursos da súa contorna.

Artigo orixinal de Luciano Pena Andrade

Adaptación do texto e contido novo sobre mineria de Rodrigo Fariña Garcia

Contido novo sobre Patrimonio Natural: Martin Perez Rendo


Referencias bibliográficas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quen somos?

O Grupo de Acción Patrimonial de Brión constitúese como asociación a comezos de 2025, resultado de anos de traballo como grupo informal inicialmente promovido polo Concello de Brión có obxectivo de estudar e divulgar o Patrimonio Cultural e Natural do País.

Próximas actividades