A queima do Cachopo, cachopa ou tizón de Nadal foi unha tradición arraigada en boa parte de Galicia, e do estranxeiro, até mediados do século XX. Neste artigo recollemos o que se facía na aldea de Cabanas, en Brión, até os anos 50.
A tradición consistía en ir buscar ao monte un cachopo, que era o resto, incluíndo a raíz, que queda no chan despois de tallar unha arbore e deixala secar ben.
Chegado o día de Noiteboa, limpábase a lareira como ritual de purificación, poñíase o cachopo a arder toda a noite e mantíñase o lume vivo durante horas, deixándoo morrer no día de Nadal. Noutros lugares de Galicia deixábase aceso até fin de ano, mais aquí non era o caso. O que quedaba do cachopo gardábase fóra do lar, e só se prendía de novo nos días de treboada, xa que se consideraba un elemento protector do fogar.

A tradición foise perdendo co paso do tempo e principalmente coa chegada das cociñas de ferro, pois non se podía queimar o cachopo dentro.
Estas son algunhas das referencias sobre o cachopo de nadal recollidas nos últimos anos dentro do territorio galego:
Vicente Risco defíniao así:
É un cañoto grande dun árbore, que nas montanas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de Hespaña. En Cataluña vén ser o que chaman ‘tió’, no que baten os nenos da casa para que lles bote dulces, que os pais lle meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos
Vicente Risco: “Etnografía: cultura espiritual”, en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo. Editorial Nós, Buenos Aires 1962 (Reed. Akal, Madrid 1979); vol. I, 255-777.
Taboada Chivite recolleu en Cotarelo este costume, que resume así:
“O lume novo acéndese a véspera do Nadal. Várrese con moito coidado o lar e colócase nel un grande trocho, ao que se lle dá lume, pois ha traer a sorte para a facenda e para os seus donos. Despois de queimado un pouco, déixase que se apague e consérvase o cepo do Nadal, para volver acendelo cando haxa medo dalgunha desgraza para a casa”.
GRIAL Tomo XXII-19 8 4 – Superstición de culto indebido- Mondoñedo, 22, 6
Eladio Rodríguez falaba desta tradición:
Nalgunhas comarcas da provincia de Lugo bótase a noite de Nadal no lume da lareira un groso cepo que se ha acender todos os días procurando que dure todo o ano. Este cepo ten certo carácter sagrado, pois se conserva fervorosamente para facelo arder cando ameaza pedrisco, unha tempestade, unha treboada ou algunha má calamidade pública. Tamén nas montañas lucenses de Cervantes hai a crenza de que a noite de defuntos veñen as ánimas a se quecer co cepo que se deixa a arder na lareira. Esta mesma crenza existe na comarca de Tui, e de aí que nesa noite se bote tamén un gran leño no lume
“Cepo” En Eladio Rodríguez González : “Diccionario enciclopédico gallego-castellano”, Galaxia, Vigo

A tradición do cepo de Nadal ilustrada no Chambers Book of Days (1832)
.






Deixa unha resposta