Hosting por logo dinahosting.
O caracol de Quimper, fósil vivente dos bosques de Brión.

Este curioso caracol recibe o nome de Caracol de Quimper (Elona quimperiana), xa que os primeiros exemplares que se recolleron para a súa descrición como especie, alá polo 1817, procedían da contorna da localidade de Quimper, na Bretaña Francesa.

Este peculiar caracol, de cuncha aplanada e translúcida que permite observar as súas vísceras, é un auténtico fósil vivente, e a única especie viva coñecida do seu xénero. Presenta unha distribución moi fragmentada, con poboacións no noroeste de Francia (principalmente no oeste e centro da Bretaña) e na cornixa cantábrica e zonas adxacentes, onde é máis abundante ca na propia Bretaña.

É unha especie propia de zonas húmidas e sombrías, que habita en bosques caducifolios de carballos, castiñeiros, faias… Tamén aparece en bosques de ribeira e mesmo en campiñas húmidas. Aliméntase fundamentalmente de fungos que medran na follasca ou baixo os troncos das árbores.

A orixe da súa peculiar distribución remóntase ao Paleoxeno e ao Neoxeno, hai entre 66 e 2,6 millóns de anos, cando a especie ou os seus ancestros próximos ocupaban áreas máis amplas do oeste e suroeste de Europa, baixo climas máis cálidos e húmidos que os actuais. Co inicio do Cuaternario chegaron as grandes glaciacións, o que fixo que a especie se retraese cara a refuxios climáticos onde se mantiveron condicións oceánicas húmidas e libres do xeo permanente: a franxa cantábrica ibérica. Tras o paso destas glaciacións, non puido recuperar a súa distribución orixinal debido, entre outros factores, á súa pequena capacidade de dispersión e a que as condicións actuais son menos húmidas ca o seu hábitat idóneo preglacial.

Distribución do caracol de Quimper (Elona quimperiana). Fonte: Wikipedia

Estudos xenéticos apoian esta teoría, que reflicte dúas liñaxes: unha estendida desde Galiza ata Cantabria e outra restrinxida a Euskadi (Vialatte et al., 2009), procedentes cada unha de dous refuxios glaciares diferentes. Curiosamente, a poboación bretona, a pesar da súa distancia, pertence ao mesmo liñaxe que a galega, e presenta baixa diversidade xenética e sinais claros de expansión demográfica recente. É dicir, a especie colonizou a Bretaña desde as súas poboacións cantábricas.

Tras o final das glaciacións, hai uns 11.700 anos, o clima atlántico húmido permitiu bosques de carballo e faia máis extensos e conectados ao longo da fachada atlántica. Posiblemente houbo “pasos” costeiros ou corredoiros de hábitat. Logo, dende hai entre 5.000 e 1.000 anos, a desforestación humana intensiva —agricultura, gandería—, especialmente na Idade Media en zonas intermedias como as Landas francesas ou o sur da Bretaña, eliminou as poboacións intermedias, deixando a distribución actual disxunta.

Debido á súa inclusión nos Anexos II e IV da Directiva HábitatsElona quimperiana está estrictamente protexida en toda a Unión Europea: non se pode molestar, capturar nin comercializar, e a súa presenza xustifica a creación e mantemento de espazos protexidos Natura 2000 en zonas chave como a Cornixa Cantábrica e a Bretaña. Isto convértea nunha especie “paraugas” para a conservación de bosques atlánticos maduros e húmidos.

Por toda esta historia única, o caracol de Quimper non é un molusco calquera, é unha especie legalmente protexida. Figura na categoría de “En Perigo de Extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, o que significa que a súa recuperación é unha prioridade, xa que é un patrimonio natural irrepetible.

Así, se te cruzas por Brión con este discreto veciño —que ben puidera terse chamado, por exemplo, caracol de Viceso, de ter mirado ben antes nestas terras que na Bretaña—, toma consciencia de que estás ante unha testemuña viva dunha era remota, cuxa liñaxe colonizou estes bosques millóns de anos antes que nós, superou as grandes glaciacións e resiste agora, adaptándose a un mundo onde o seu refuxio húmido e sombrío faise cada vez máis escaso.

Referencias

Consello da Unión Europea. (1992). Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Diario Oficial das Comunidades Europeas, L 206, de 22 de xullo de 1992, pp. 7–50.

Gómez, Benjamin & Madeira, María José. (2012). Elona quimperiana.

Somoza-Valdeolmillos, Eder & Gómez, Benjamin & Caro, Amaia & Chueca, Luis & Puente, Ana & Madeira, María José. (2023). Phylogenetic study of Elona quimperiana (Gastropoda: Elonidae): identification of a new haplogroup. Animal Biodiversity and Conservation. 46. 111-125. 10.32800/abc.2023.46.0111.

Rialatte, Aude & Guiller, Annie & Bellido, Alain & Madec, Luc. (2009). Phylogeography and historical demography of the Lusitanian snail Elona quimperiana reveal survival in unexpected separate glacial refugia. BMC evolutionary biology. 8. 339. 10.1186/1471-2148-8-339.

Xunta de Galicia. (2007). Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas. Diario Oficial de Galicia, Núm. 89, de 9 de maio de 2007, pp. 7409–7423.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quen somos?

O Grupo de Acción Patrimonial de Brión constitúese como asociación a comezos de 2025, resultado de anos de traballo como grupo informal inicialmente promovido polo Concello de Brión có obxectivo de estudar e divulgar o Patrimonio Cultural e Natural do País.

Próximas actividades