Hosting por logo dinahosting.
O ciclo do centeo

Este ano, 2024, decidimos facer unha serie de actividades tradicionais relacionadas co centeo, nas que se inclúen sementalo, alumear o pan, segalo, mallalo para aproveitar a semente e posteriormente usar a palla para trenzar.

O lugar escollido para sementalo foi O Agro do Salgueiros, lugar que se atopa a escasos 200 metros da igrexa de San Xulián de Bastavales.

A sementeira

Comezamos a actividade a finais de outubro, fresando a leira co tractor para abrandar o terreo. Tras case dúas semanas reunímonos para sementar o grao, para o cal nos xuntamos un bo grupo de persoas de todas as idades.

Despois de remover a terra para que quedase aireada, marcamos as pasadas con paus para ter unha referencia e comezamos coa tarefa máis divertida tanto para nenos como para maiores, sementar.

De acordo cos profesionais do sector, por cada ferrado de terreo (500 metros en Brión) precísanse de 11 a 12 kg de centeo. Nós, por ser precavidos, para o ferrado de terra que labramos, sementamos 13 kg.

O truco para esparexer ben o grao está en encher a man, pechala, e deixar o furabolos (índice) levantado a modo de pistola para poder espallar ben a semente. Bo apuntamento sen dúbida o que nos ensinou Isolino. Logo de que acabamos de sementar procedemos a abrir uns sucos de drenaxe para que a auga non estancase. Ao finalizar con esta esgotadora tarefa, Rosa recitou unhas palabras coma antano: “Que Dios nos dea o fruto de bendición e a nós nos dea salvación”

Unha vez rematamos e coa bendición feita, xuntámonos no adro da Igrexa para tomar uns petiscos e falar sobre a xornada, curiosidades do pasado coma a recollida do caruncho ou cornezuelo, cándo se sega o centeo, cándo se malla…

Alumear o pan

Dentro do ciclo de crecemento do centeo hai unha tradicion ancestral que se levaba a cabo en certas zonas de Mahia e do Barbanza, o alumeado do pan, tamen chamado Pampallin ou Lumepan.

Esta tradicion consistia en reunir a veciñanza na eira, preparar os fachucos ou fachos e ir a alumear os campos de pan (centeo) para que o grao medrara moito, para asi obter unha boa colleita.

Os fachos, que eran preparados polos maiores, facianse con un pau seco, o cal se lle ataban pequenos monllos de pallas, ben apretados, para que ardesen paseniño. Para atalos usabase a mesma palla para que puidese correr cara adiante cando este se ia consumindo.

Os encargados de ir a alumear o pan era os nenos, que se vestian con roupa vella e un sombreiro para non queimarse coas charamuscas. Unha vez prendido o facho, iase camiñando polas leiras pertecentes a aldea e recitabanse estrofas a vez que se batia co facho no chan.

A mais repetida en Brion tiña 2 variacions moi similares:

Bastavales

“Alumea o pan,
 cada espiga, seu toledán”.

Os Anxeles

“Alumea o pan,
 cada espiguiña, o seu ferradiño de pan”.

Outras variacions

Lume, pan,que che dan:
cada espiga seu toledán.
Lume, trigo, que che digo:
cada espiga seu pantrigo.
Lume, avea, que che dea:
cada espiga sua meda.

Bastavales e  Buxán (Rois)

«¡Alumear o pan,
para que Deus dea boa gran:
 espiguiñas coma dedos
e grauciños coma peros!»

*Podense ler mais versos ao final do artigo

Durante o 2025 fomos a alumear o pan arredor das 11 da noite, nunha escampada, xa que estivera a chover moito durante todo o día. Ao chegar á leira onde estaba o centeo, acendemos un facho cun chisqueiro e fomos prendendo os outros arrimándoos ao primeiro. De seguido, comezamos a arrimarnos ao centeo e zarandear os fachos para facer este ritual e pedir mediante as cantigas que o grao medrase moito para ter unha boa colleita. Despois de media hora, apagamos o que quedaba dos fachos e fomos continuar a troula ao enxoito.

No 2026 tivemos máis sorte, xa que non choveu e puidemos recrear o que antano facían en Soigrexa (Bastavales). Fomos ata a eira de Soigrexa, fachos en man, de onde saímos camiñando cos fachos apagados para ser máis seguro (antes soían ir xa acesos). Durante o pequeno paseo cara aos campos de centeo, iamos falando e cantando os versos arriba escritos, tal e como facían os nosos devanceiros. Hai que lembrar que esta tradición deixou de facerse nesta zona alá polos anos 70. Ao chegar á leira do centeo, entre o lusco e o fusco, acendemos os fachos e volvemos facer o mesmo que o ano anterior, volvendo para a antiga escola de Bastavales ao rematar, para comer uns petiscos.


A Seitura, sega ou corta

A sega e un proceso laborioso xa que hai que realizala a man para conservar mellor a palla e o grao. Dependendo do uso que lle vaiamos a dar, recollese en momentos diferentes; se e para trenzar segase antes de que a espiga comece a medrar, na lua minguante de Maio ou Xuño, e se e para recoller o grao segase cando o grao esta madura, cara finais de Xullo.

O segado realizabase coa fouciña, moi similar o fouciño de apañar a herba pero mais aberta cara a punta.

Esta labor era feita tanto por homes coma por mulleres, dependendo do lugar e da dispoñibilidade da xente. O mais comun e que os homes fosen segando coa fouciña en ringleiras e as mulleres fosen detras preparando os monllos, ainda que en Brion a sega era tamen feita por mulleres.

Unha vez segada a leira, os monllos amoreabanse en medouchos, montons de palla acumulada de forma que o grao quedaba cara dentro para protexelo dos paxaros e das inclemencias do tempo, ata que eran levados a eira para facer a meda.

A limpeza da palla

Unha vez feita a sega do centeo sementado na finca de Bastavales, xuntamos a palla en monllos (ou mollos) e deixámola secar durante un mes, aireándoa ben e dándolle a volta, antes de encomezar co seguinte paso, a limpeza.

O principal motivo de agardar é que a palla estea seca dabondo para que a pelica exterior ou camisa se desprenda facilmente, deixando libre a parte central coa que imos traballar.

Para limpar a palla temos que cortar o anaco que queda entre os nós, e tirar da camisa para que a palla limpa quede solta. Os nós son descartados, xunto co último tramo da punta por ser moi fina.

Conforme imos limpando, pódense ir xuntando as pallas en pequenos feixes por grosor, atándoas para que non se mesturen as unhas coas outras.

A palla limpa ten que gardarse en lugar seco até que se vaia usar, para evitar que se estrague coa humidade e lle saia manchas ou colla mofo.

O trenzado da palla

Cando chega o momento de trenzar, temos que ter unhas tesoiras e un pequeno recipiente para somerxer os fachiños de palla en auga durante uns dez minutos, dependendo da temperatura da auga, para que non trisque o dobrala e se estrague. O normal é ir mollando a palla pouco a pouco, en función da que vaiamos usar no día, para que non se bote a perder.

Coma explicar con palabras a forma de trenzar é moi complexo, pensamos en facer uns titoriais (ver final do artigo) onde as nosas compañeiras mostran como se fai unha trenza de picos, que se usaría na ala do sombreiro e o rebiricoque ou “empese”, que se usaría para comezar o sombreiro pola parte superior.

É importante mencionar que a palla sobrante das unións non se soia cortar até que se comezaba a coser, para que non se desfixese.

Para facer un sombreiro precisábase de unhas 20 brazadas de trenza, o que son uns 22 metros, as cales se ataban e se deixaban secar durante uns días antes de comezar a coser. Normalmente as persoas con menos experiencia abdicábanse a trenzar, e as costureiras e persoas maiores cosían os sombreiros. O fío usado era un fío normal, pero ía untado en xabón ou sustancias similares para ir mais protexido.

Dende o GAP de Brion queremos agradecer as nosas mestras do obradoiro, Rosa, veciña de Vilar, e Mercedes e Angelita, veciñas de Ons, por ensinarnos a trenzar tal e como se facia antano, e por compartir todo a saber que teñen acumulado o longo dos anos con tanta ledicia.

Video das nosas trenzadoras: ENLACE

Mais información sobre como facer un Sancosmeiro no vídeo de Luis do Río.

Apendice – estrofas

Suso ( O Cabo)

Lume pan, que che dan.
cada espiga seu toledán.
Lume trigo, que che digo,
cada espiga seu pantrigo.
Lume avea, que che dea,
cada espiga sua meda.

Lume, lume, ve o pan,
Deus che dea moito gran,
cada gran como un bugallo,
cada pé como un carvallo.

Mira pan, mira pan,
a larada que che fan
ao que non che faga nada
non lle deas nen un gran.

Fago-che esta laradiña,
a ti, leiriña, que és moi boa,
pra que me deas pan e cebolas.

Bertamiráns

Lume, lume
ve ó pan,
Dios che dea moito gran:
cada gran como un bogallo,
cada pé como un carballo.
Mira pan, mira pan,
a larada que che fan,
ó que non che faga nada
non lle deas un gran.
Fágoche esta laradiña,
a ti leiriña que eres moi boa,
pra que me deas pan e cebolas.
Alumea, alumea o pan:
cada freba seu toledán.

(Sorribas, Urdilde)

Alumea,
alumea o trigo:
cada freba seu pantrigo.

(Augasantas, Buxán, Leroño)

Mira pan, mira pan,
a larada que che fago:
dame cada gran coma un bogallo,
e cada pé coma un carballo.

(Adelina, A Serra de Outes)

Pan, velo lume?
Vexo
Lume,velo pan?
Vexo
Ojalá que as espighas foran coma carballos.
E os ghrans coma bughallos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quen somos?

O Grupo de Acción Patrimonial de Brión constitúese como asociación a comezos de 2025, resultado de anos de traballo como grupo informal inicialmente promovido polo Concello de Brión có obxectivo de estudar e divulgar o Patrimonio Cultural e Natural do País.

Próximas actividades