Hosting por logo dinahosting.
Veciñas vulnerables: a ra galega

Postas nun prado de Brión. Foto: Martín Pérez, 2026.

A finais de 2025, desde o Grupo de Acción Patrimonial de Brión, demos comezo ao proxecto “Veciñas vulnerables” no que, mediante o emprego da ciencia cidadá, pretendemos poñer o foco sobre algunhas especies de vertebrados presentes en Brión que aparecen recollidas no Catálogo galego de especies ameazadas. Recadamos información sobre a súa presenza e abundancia no concello baixo a premisa de que para conservar é preciso coñecer. Non abunda a información sobre a biodiversidade e o patrimonio natural brionés polo que, deste xeito, aportamos o noso grao de area ao coñecemento do Patrimonio Natural de Brión.

A primeira das especies escollida foi a ra galega ( Rana parvipalmata ), de hábitos moi terrestres que acode a someras masas de auga temporais para desovar durante o inverno, realizando postas de ata 4.000 ovos, dos que moi poucos conseguen chegaren a ser adultos. A época e o xeito en que realiza as postas permítenos inventarialas coa simple observación, sen necesidade de empregar métodos invasivos.

Trátase dun anfibio de marcado carácter atlántico, estritamente ligado a ambientes de elevada humidade, especialmente en zonas de baixa ou media altitude de Galiza. Emprega encharques temporais nas brañas, así como charcas formadas pola choiva ou polo desbordamento de pequenos arroios. Pode desovar mesmo en rodadas de vehículos anegadas pola choiva.

En Galiza atópase catalogada como Vulnerable. As principais ameazas sobre as súas poboacións son a intensificación forestal e agrícola, a contaminación por fitosanitarios e fertilizantes, o illamento xenético e a fragmentación do hábitat.

A ra galega ( Rana parvipalmata ) acadou o rango de especie no 2020 (Dufresnes, 2020), sendo considerada ata entón unha subespecie da ra vermella ( Rana temporaria ), da que se separou para evolucionar de xeito independente hai uns 4 millóns de anos debido á existencia de diferentes refuxios glaciares no Plistoceno que illaron a poboación máis noroccidental da península: Galiza e o extremo oeste de Asturias principalmente, onde é endémica.

Aproximación á distribución R. parvipalmata. Fte: IA a partir de Dufresnes (2020, 2023)

Máis tarde describíronse dúas subespecies (Dufresnes, 2023) a partir da análise xenética do ADN mitocondrial da especie :

Rana parvipalmata asturiensis , que se distribúe na parte occidental da serra Cantábrica e nas terras baixas costeiras que abranguen principalmente Asturias. Penetra tamén levemente nas provincias veciñas de Castela e León (sur) e Cantabria (sueste).

— En Galiza queda a especie nominal Rana parvipalmata parvipalmata .

Filoxeografía mitocondrial de R. parvipalmata. Fte: Dufresnes, 2023

Tras este “e ti de quen ves sendo?” filoxenético, cómpre coñecer os resultados acadados nesta primeira campaña de mostraxe da especie, desenvolvida entre os meses de novembro de 2025 e marzo de 2026.

Nesta primeira campaña participaron como voluntarias 19 persoas que tiñan como misión detectar nos camiños e leiras de Brión a esta especie e as súas postas.

Porén, a diferenza doutras zonas de Galiza —onde a especie é máis abondosa e aparece con certa frecuencia en pistas forestais e nas súas cunetas, desovando mesmo nas marcas de rodadas enchoupadas—, en Brión foi necesario adentrármonos no seu hábitat ideal para poder atópala. Isto dificultou a súa localización e é tamén indicativo dunha abundancia relativamente baixa da especie.

Con todo, nesta primeira campaña podemos extraer algún dato fenolóxico de interese, como que as primeiras postas foron detectadas a comezos do mes de decembro, e os primeiros cágados xa a finais dese mesmo mes. Cara á segunda quincena de xaneiro xa apenas se atopaban postas sen eclosionar.

Postas nun prado de Brión. Foto: Tito Souto, 2025.
Cágados nunha fozada de xabaril. Foto: Tito Souto, 2025.
Cágados nunha charca. Foto: Xulia de Partearroyo, 2026.

Detectáronse 8 localizacións de postas que se traducen en presenza da especie en 7 cuadrículas UTM de 1 km2 no concello de Brión, que son as que se mostran no plano:

Ver a pantalla completa

De acordo coa 11ª actualización do Atlas de anfibios e répiles de Galicia, a máis actual a data da publicación deste artigo, e no que se mostra a distribución en cuadrículas UTM de 100 km2, podemos comprobar que o noso traballo aporta unha nova cuadrícula na súa distribución, concretamente a 29TNH14, e para a cuadrícula 29TNH24 actualiza a confirmación dos datos a 2026, sendo os datos recollidos actualmente procedentes do atlas de vertebrados de Galicia de 1995, hai máis de 30 anos.

Esta distribución é o punto de partida para coñecer o estado e evolución da especie no concello de Brión e retomaremos o seu estudo no vindeiro inverno.

E unha vez rematada esta campaña, comezamos a traballar coa seguinte “Veciña vulnerable”, unha das especies senlleiras de Galiza da que máis adiante daremos conta.

Referencias

Asensi M., 2024. 11ª actualización do Atlas de anfibios e réptiles de Galicia. Sociedade Galega de Historia Natural.

Dufresnes C., et al. 2020. Are glacial refugia hotspots of speciation and cytonuclear discordances? Answers from the genomic phylogeography of Spanish common frogs. Mol Ecol. ;29:986–1000. https://doi.org/10.1111/mec.15368

Dufresnes C., et al.2024. Delimiting phylogeographic diversity in the genomic era: application to an Iberian endemic frog, Zoological Journal of the Linnean Society, Volume 202, Issue 1, September 2024, zlad170, https://doi.org/10.1093/zoolinnean/zlad170

Esteban M. y García-París, 2002. Rana temporaria En: Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y Reptiles de España (PLEGUEZUELOS J. M., R. MÁRQUEZ, M. LIZANA, eds.). Dirección General de Conservación de la Naturaleza-Asociación Herpetológica Española (2ª impresión), Madrid: 131-133

Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico [MITECO]. Rana parvipalmata en Inventario Español del Patrimonio Natural y la Biodiversidad

2 respostas a «Veciñas vulnerables: a ra galega»

  1. Avatar de RAFAEL VAZQUEZ GRAÑA
    RAFAEL VAZQUEZ GRAÑA

    A foto da ra faltalle unha pata, imaxino que algun intento de predacion , mais non e unha Rana parvipalmata , a foto corresponde a unha Rana iberica,apertas

    1. Avatar de gap_brion
      gap_brion

      Grazas polos avisos. Tiñamos as nosas dúbidas e dímoslle demasiado peso ao cando e onde apareceu. Tentaremos ter máis coidado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Quen somos?

O Grupo de Acción Patrimonial de Brión constitúese como asociación a comezos de 2025, resultado de anos de traballo como grupo informal inicialmente promovido polo Concello de Brión có obxectivo de estudar e divulgar o Patrimonio Cultural e Natural do País.

Próximas actividades