O pasado 12 de abril, a contorna de Lamiño acolleu a segunda edición do itinerario interpretativo “Paxariños de Lamiño”. Esta iniciativa primaveral nace cun propósito claro: mostrar á veciñanza de Brión que non cómpre viaxar a paraxes remotas para conectar coa natureza; abondan a curiosidade e unha mirada atenta para apreciar como a biodiversidade loita por abrirse paso no noso día a día.
Lamiño é unha clara mostra da paisaxe galega contemporánea: un mosaico onde conviven zonas semiurbanas, núcleos rurais e repoboacións forestais. Este ecosistema híbrido serve de fogar a unha gran variedade de aves comúns que, malia a súa proximidade, adoitan pasar desapercibidas polo seu carácter esquivo.
O itinerario foi un convite a observar, e escoitar, paseniñamente a nosa contorna e coñecer algúnhas das aves que nela habitan. Mais tamén serviu para coñecer os vencellos entre as aves e a nosa propia historia: episodios históricos, algunha lenda coas aves como protagonistas, e mesmo a pegada que as aves, a través da microtoponimia, deixaron nos nomes dos lugares do noso concello.
Durante a xornada, as persoas participantes puideron coñecer que estamos rodeados dun bo número de especies de aves comúns, pero que moitas de estas son cada vez menos comúns, destacando, entre outros, o caso da gaivota patiamarela en Galiza. Ao tempo, os máis pequenos transformáronse en “detectives da natureza”, rastrexando pistas e sinais que delataban a presenza de aves na contorna.
Compartimos a continuación a listaxe das especies identificadas —con ligazóns para quen desexe saber máis delas— e unha pequena escolma fotográfica da xornada.
| Nome común | Nome científico |
|---|---|
| Sibeliño | Aegithalos caudatus |
| Andoriña das pontes | Cecropis daurica |
| Verderolo común | Chloris chloris |
| Pombo torcaz | Columba palumbus |
| Corvo viaraz | Corvus corone |
| Picapau grande | Dendrocopos major |
| Andoriña de cu branco | Delichon urbicum |
| Gaio | Garrulus glandarius |
| Gaivota patiamarela | Larus michahellis |
| Ferreiriño cristado | Lophophanes cristatus |
| Lavandeira branca | Motacilla alba |
| Lavandeira real | Motacilla cinerea |
| Ferreiriño real | Parus major |
| Pardal común | Passer domesticus |
| Ferreiriño negro | Periparus ater |
| Picafollas | Phylloscopus sp. |
| Pega | Pica pica |
| Estreliña riscada | Regulus ignicapilla |
| Chasco común | Saxicola rubicola |
| Xirín | Serinus serinus |
| Estorniño negro | Sturnus unicolor |
| Papuxa das amoras | Sylvia atricapilla |
| Carrizo | Troglodytes troglodytes |
| Melro | Turdus merula |
| Tordo común | Turdus philomelos |
Grazas a todas as persoas que nos acompañastes por mirar o mundo con outros ollos. Se quedaches con ganas de máis ou non puideches vir nesta ocasión, recomendámoste seguir atentos ás vindeiras convocatorias. Agardámoste!









.





Deixa unha resposta